Thursday 16 de May de 2024

Máis de 220 nedenses participan nas actividades de promoción da vida activa que impulsa o Concello


Destacan pola súa acollida propostas como pilates, ximnasia de mantemento ou patinaxe

Máis de 220 persoas participan na actualidade nas propostas de Nedactívate. O programa, impulsado polo Concello para potenciar a práctica de actividades físicas e reducir o sedentarismo da poboación suma xa máis dunha ducia de actividades.

A oferta municipal, que se impartirá de maneira continuada ata xuño, inclúe actividades extraescolares, escolas deportivas e tamén culturais, que se reparten entre o centro cívico, a casa da cultura, o local social do Puntal e a pista polideportiva do Roxal. Hai propostas para todos os gustos.
As escolas deportivas, orientadas á poboación adulta, son as que teñen máis éxito, superando os 160 alumnos. O programa Nedactívate inclúe diferentes modalidades de ximnasia -de mantemento, terapéutica, funcional e saudable-, zumba, ioga e pilates. Precisamente, esta última emerxe como a máis demandada (48 persoas matriculadas). Acábanse de incorporar baile moderno e baile latino. E o obxectivo é activar ademais sesións de adestramento dirixido no ximnasio e clases de xadrez para o público adulto e o infantil.

Na oferta para os máis pequenos, destacan especialmente as clases de patinaxe, con 24 alumnos/as. Mantéñense ademais as sesións de baile moderno. E entre os maiores de 65 teñen excelente acollida tanto os talleres de memoria como o de mentas activas, destinados a fomentar as relacións sociais e a desenvolver actividades de estimulación cognitiva.

Apuntan dende o departamento de Deportes que aínda é posible incorporarse a aquelas actividades que conten con prazas vacantes. Para sumarse, haberá que anotarse no centro cívico, de luns a venres de 9:15 a 12:15 h (teléfono 981494431).